Plurilingüismo
O inglés converteuse na principal lingua de comunicación para os cidadáns da Unión
Europea e non pode ser considerado unha lingua estranxeira nin tampouco unha lingua que é propiedade exclusiva dos falantes nativos, dado que é a lingua máis importante de comunicación intraeuropea.
O termo plurilingüismo fai referencia á presenza simultánea de dúas ou máis linguas na competencia comunicativa dun individuo e da interrelación que se establece entre elas. Estudos referentes ao plurilingüismo tanto no medio natural coma no escolar indican que a adquisición de máis de dúas linguas é posible e non presenta problema de desenvolvemento cognitivo, senón que o bilingüismo mesmo pode desenvolver a conciencia metalingüística e a creatividade.
O CPR. Plurilingüe Nosa Señora do Pilar leva dende o curso 2010/11 traballando man a
man co plurilingüismo. Nun primeiro momento fíxoo na etapa de Educación Primaria e isto despois fíxose extensivo á etapa de Educación Infantil. A materia escollida para polo en marcha foi a de Arts and Crafts con resultados moi satisfactorios. Para os nosos alumnos o inglés é xa unha terceira lingua coa que se sinten moi familiarizados.
Son moitos os estudos que avalan que a adquisición dunha lingua a nivel escolar debe comezar dende Educación Infantil e é por iso que dende o centro xorde esta proposta de implantar o proxecto plurilingüe nesta etapa. Isto é, ademais das dúas sesións de lingua inglesa que xa se están impartindo nas aulas de 4º, 5º e 6º de infantil, aumentar unha sesión semanal máis en cada unha das aulas traballando en inglés unha materia non lingüística arredor dun proxecto previamente deseñado. O proxecto co que está a traballar estes últimos anos ten como misión achegar O Reino Unido aos nosos nenos e nenas de Educación Infantil. Somos un centro dunha única liña, polo cal o número de sesións semanais nas que nun principio se implantaría o plurilingüismo sería de 3.
Ademais do camiño percorrido xa polo centro en materia de plurilingüismo, ao telo xa plenamente integrado na Educación Primaria, son moitas as apostas que estes últimos anos se levan facendo a prol do uso da lingua inglesa dende o Departamento de Filoloxía e Plurilingüismo do noso centro. Entre estas apostas destacaríamos:
1.- Programas BEDA e BEDA Kids
O programa BEDA xorde da rede de Escolas Católicas e fomenta o dominio do inglés nas
aulas. Foi durante o curso 2013/14 cando se implantou en Galicia e xa nese mesmo curso
o noso centro foi elexido "Centro BEDA" na etapa plurilingüe. Isto é, cando entramos a formar parte do programa BEDA o noso centro xa cumpría unha serie de características (estar impartindo unha materia non lingüística en lingua inglesa, contar cunha auxiliar de conversa, ter participado en programas de inmersión...) que abalaban a súa implicación coa lingua estranxeira . Un ano máis tarde o programa "BEDA Kids" tamén se nos outorga para a etapa de Infantil.
A través deste programa o profesorado ten a posibilidade de acceder a multitude de
cursos de formación, os alumnos do centro disfrutan de descontos á hora de realizar os
exames oficiais de Cambridge e tamén á hora de adquirir os materiais para preparalos,
existe a posibilidade de que anualmente alumnos e profesores especializados poidan ser
avaliados por persoal externo ao centro, etc.
2.- Contratación dunha auxiliar de conversa
Carla Wilson, profesora nativa, traballa no noso centro dende o curso 2010/11. Nun
principio foi contratada unicamente para traballar na aula plurilingüe, pero a día de hoxe
acompaña ao profesor titular unha hora semanal en toda a Educación Secundaria e dúas
semanais en Educación Primaria, xa que é nesta etapa onde está implantada a materia
de Arts and Crafts.
Ela, xunto co resto do profesorado de inglés, participa da realización de proxectos que se
levan a cabo no centro, prepara as distintas clases conxuntamente coas profesoras e
mestras de área, é parte activa de todas as actividades complementarias que celebra o
colexio e, para o total do alumnado, toda unha referencia no centro. Diríxense a ela
empregando a lingua inglesa tanto dentro como fóra da aula (saúdos, dúbidas, conversas
do día a día, etc.)
3.- Inmersións lingüísticas no propio país
Ata en catro ocasións fomos elixidos para participar de catro inmersións lingüísticas
dentro de España a través dunhas axudas do Ministerio de Asuntos Exteriores ou da
Xunta de Galicia. Para iso, elaborouse un proxecto en torno a unha temática xa dada
previamente.
A primeira inmersión deste tipo levouse a cabo en Guadalajara no curso 2013/14 e a
segunda no curso 2015/16 en Navarra. En ambas as dúas ocasións o grupo que disfrutou
da experiencia foi o de 6º de primaria (25 alumnos), que en todo momento estiveron en
contacto con profesorado nativo e facendo actividades en lingua inglesa durante unha
semana. No 2018/2019 o curso de 1º de ESO disfrutou dunha inmersión lingüística, esta
vez a través dunha axuda da Xunta de Galicia, no concello de Os Peares en Ourense. Por
último, no curso 2019/2020 fóisenos aprobada outra inmersión lingüística na comunidade
de Extremadura, pero por mor da pandemia, decidimos rexeitala.
4.- Inmersións lingüística nun país estranxeiro
Londres foi a cidade escollida para realizar as inmersións lingüística no exterior.
Estas inmersións están deseñadas para os alumnos de 5º e 6º de primaria e alá traballan
os aspectos puramente lingüísticos asistindo a clases polas mañás e os aspectos
culturais durante o resto de día, que o pasan descubrindo a cidade, estando en contacto
cos cidadáns, disfrutando e coñecendo o día a día da vida londinense (probando os fish
and chips, facendo a compra en Borough Market, paseando por Oxford Street, etc.
É unha viaxe que nunca defrauda. Está moi ben valorada tanto polo alumnado que
disfruta dela, como das súas familias e do propio profesorado acompañante.
5.- Preparación dos exames oficiais de Cambridge e convenio coa entidade
Debido ao alto grao de implicación preparando o alumnado especificamente para os
exames oficiais de Cambridge dende o centro, persoal da Universidade de Cambridge
púxose en contacto con nós no ano 2011 para poder comezar a realizar aquí os exames
oficiais e outorgarnos o título de “Centro preparador”.
Os niveis dos que se examinan son: Starters, Movers, Flyers, Key for Schools, Preliminary
for Schools and First for Schools.
Non só os alumnos matriculados no noso centro teñen acceso á realización destes
exames. Alumnado doutros centros da Mariña, de Asturias, ou mesmo de outras partes de
Galicia, optan por examinarse aquí.
Estes exames, que se levan a cabo nos meses de maio/xuño, teñen sempre unha alta
aceptación. No mes de outubro, desprázase persoal da entidade de Cambridge para
entregarlles os diplomas acreditativos ao noso alumnado durante un acto xa programado.
Os alumnos matriculados no centro de maneira ordinaria disfrutan dun desconto na
realización destes exames e somos oficialmente "Centro Preparador" dos exames oficiais de Cambridge.
6.- Emprego da plataforma Etwinning e realización de intercambios europeos.
Tanto varios membros do profesorado como grupos de alumnos de 3º/4º de ESO
desfrutou, ben a través de Erasmus+ ou ben contactando directamente con centros
escolares europeos, de varios intercambios escolares ao longo destes últimos anos.
Francia, Polonia, Finlandia e Italia foron os países anfitrións e aos que recibimos ata o
momento.
Ademais, distintos grupos de alumnos de Educación Primaria intercámbianse
correspondencia de xeito habitual con alumnos da súa mesma idade de distintos centros
europeos.
7.- Participación no concurso internacional "The Big Challenge"
O centro leva varios anos participando nun concurso de inglés a nivel internacional
chamado "The Big Challenge", que consiste en responder preguntas de vocabulario,
gramática e cultura por niveis. En anos anteriores lograron acadar 2 primeiros premios
provinciais e un 5º e un 9º premio nacional. Un total de 9 dos nosos alumnos lograron
posicionarse entre os 10 primeiros a nivel mundial.
8. Formación do profesorado en inglés.
O ambiente plurilingüe do centro fixo que boa parte do profesorado se contaxiase del e
optase por mellorar a súa competencia en lingua inglesa. Así, un amplo grupo do
profesorado non especialista en inglés xa conta cun nivel B2.
Outros, participan de cursos para mellorar o seu nivel e poder, ao menos, acadar un B1.
